Friday 29 de March de 2024

A Curota convértese en meta para corredores e ciclistas no 25 de setembro


A quinta edición da Subida á Curota chega no 25 de setembro á Pobra do Caramiñal nas modalidades de atletismo e ciclismo -BTT e bicicletas de estrada-. Organizada polo Concello, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo, coa colaboración de Centro Sport/Deportes Maniotas, Motoclub SinFrenos e Sport Bike, a proba reunirá a deportistas -federados/as e non federados/as- que deberán completar un percorrido de 9 quilómetros nun circuíto que ten como lugar de saída a praza Alcalde Segundo Durán e a meta establecida no estanque do alto da Curotiña. Deste xeito o deron a coñecer o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure.

As saídas efectuaranse nas 17.00 horas para a BTT -cada minuto, un participante-, nas 18.15 horas para a carreira a pé -conxunta, de dez en dez atletas en intervalos de 20 segundos- e nas 18.30 horas para as bicicletas de estrada -cada minuto, un participante-.

Unha vez concluído o evento, os e as deportistas serán trasladados en autobús ao lugar de saída para proceder á entrega de trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas por categorías e modalidades, así como premios económicos ós tres mellores tempos en carreira a pé, bicicleta de estrada e BTT.

As categorías participantes para a carreira a pé son sub-20, sénior, máster 1, máster 2 e máster 3; para a BTT son júnior, elite, máster 30, máster 40 e máster 50; e para a bicicleta de estrada son cadete, júnior, sub-23, elite, máster 30, máster 40 e máster 50.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 23.59 horas deste 22 de setembro a través da páxina web www.emesports.es e estímase unha participación de, aproximadamente, 150 persoas.

Será de obrigado cumprimento en todo o momento o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO e a organización conta coa cooperación da Garda Civil, Policía local e Protección Civil para garantir o bo desenvolvemento e seguridade da proba.